

![]() Os comezos do equipo No ano 1984 e coa finalidade de participar nas competicións locais constitúese polos empregados de Garaxe Villares S.L. un equipo formado polos traballadores da empresa. Con este nome participa nas mesmas ata a tempada 89-90 que se renombra a Prone Lugo Asociación Deportiva. Setembro do ´95 Este ano tómase unha importante decisión: participar nas competicións nacionais e crear as categorías inferiores e a Escola de fútbol sala de Prone Lugo, denominada Escola Terra. Para iso prodúcese unha fusión co club "Cupiga-Parrillada El Ancla " do Barco de Valdeorras, naquel momento descendido de División de Prata, participando o equipo nesta tempada, a 96/97, na 1ª Nacional A. Ascenso a Prata Na seguinte tempada, 97/98, na que compite baixo o patrocinio de Airtel Grupo Corredoira, denominándose así o club Airtel Prone Lugo, o equipo proclámase campión de 1ª Nacional A e consegue o ascenso á División de Prata á vez que gaña por vez primeira a Copa Xunta de Galicia, o torneo máis importante de Galicia. O ascenso No primeiro ano na División de Prata, baixo o nome de Café Candelas Lugo, finaliza a fase regular na 3ª posición e está a piques de disputar a promoción de ascenso á División de Honra, obxectivo que consegue na seguinte campaña, 99/00, ao proclamarse campión da categoría e disputar o ascenso ante o FC Barcelona. No playoff de ascenso sae derrotado, pero como consecuencia da desaparición do Talavera F.S. logra a ansiada participación na División de Honra do fútbol sala nacional por primeira vez na súa historia. O soño que varios amigos tiveran algún día cumprírase. Triste descenso Era o primeiro ano na División de Honra do Café Candelas Lugo, tempada 00/01. A reestruturación do club a todos os niveis era importante, profesionalizándoo paso a paso. No deportivo chegaba unha pequena decepción cando o equipo descendía a Prata nesta tempada. Novo ascenso na 01/02 Con tan só un ano de paso pola División de Prata o club logra novamente o ascenso á máxima categoría do fútbol sala español tras unha gran campaña en liga regular e a disputa duns playoffs de ascenso case inmaculados. Novamente o Prone volvía ascender á mellor liga do mundo. Chega Transportes Azkar Na tempada 02/03, na que era a segunda tempada do equipo na División de Honra, e logo dun “ano no inferno” o equipo segue crecendo como club e a nivel estrutural. Chega Transportes Azkar SA, patrocinador principal do club e que dá un novo nome ao equipo a partir deste momento: o Azkar Lugo FS. Crecemento de club Estar na máxima categoría e apostar por estar nela, leva ao club a tomar a decisión de profesionalizar todas as súas áreas para posuír unha estrutura forte e sólida. Na tempada 03/04 o equipo lograba por primeira vez clasificarse para os playoffs polo título. Subcampión de Copa Na tempada 04/05 o Azkar Lugo FS abría unha nova páxina na historia recente do club conseguindo por primeira vez disputar unha fase final da Copa de España e ademais finalizando como subcampión da mesma en Navarra. Título europeo O subcampionato de Copa da tempada 04/05 daba ao Azkar a posibilidade de xogar na 05/06 a Copa de Europa de Clubs Campións de Copa. O club realizou todos os esforzos posibles para organizar un evento de tanta importancia, conseguiuno, e ademais a Recopa de Lugo foi valorada como un dos mellores eventos dos últimos tempos. A guinda foi que o Azkar Lugo FS conseguía proclamarse campión da mesma. A Copa de España en Lugo A excelente organización da Recopa na cidade amurallada trouxo como consecuencia que a LNFS dese o visto bo a Lugo e ao Azkar Lugo FS para organizar a competición copeira da tempada 06/07. Lugo e a súa provincia envorcáronse co evento, tanto nos aspectos deportivo como social, e durante todo o Torneo estiveron practicamente cheas as bancadas do Pazo dos Deportes chegando ata os 5000 espectadores. Todos os asistentes así como os medios de comunicación e institucións cualifican de excelente a organización do evento. O protagonismo da canteira Na tempada 07/08 o Azkar Lugo estrea nova directiva. Encabezada pola alma mater dende os inicios do club: Manuel J. Vázquez Corredoira. O proxecto dá un xiro importante e a canteira toma protagonismo: o obxectivo é que no prazo de cinco anos o equipo estea formado por polo menos sete xogadores da canteira. Ademais esta tempada, por primeira vez na súa historia, o Azkar Lugo logra clasificarse no mesmo ano para a Copa de España e os playoffs polo título. Nesta tempada nace a Fundación Azkar como institución que quere englobar e potenciar o aspecto social do deporte e, en concreto, do fútbol sala. Un ano ilusionante A tempada 08/09 foi a confirmación do proxecto iniciado na campaña anterior. A proxección da canteira no primeiro equipo foi unha realidade e os novos valores das categorías base teñen un lugar no primeiro plantel. Outro obxectivo do club cumpríase: aumenta o número de xogadores e técnicos galegos no primeiro equipo. Ademais o club dá un paso máis e enmarca os seus acenos de identidade: dótase do himno oficial ao club. |
|


